martes, 24 de julio de 2012

Tece, tece.


Fun tecendo fíos.
Tece. Tece.
Enrolando historias.

O paso dos días deixounos na vida novas redes que se expanden. Será que o esperamos, ou quizais non, pero sempre nos deitaremos sabendo algo novo de nós, do que nos gusta, dos demais. Temos no noso camiño artes por coñecer, vidas por descubrir, soños que crear e historias que amosar, e sen darnos por vencidos podemos afrontar o día a día con todo aquilo que nos fai ser o que somos. Porque somos nós e os que nos rodean, aqueles que nos queren, os que nos axudamos a tecer esa rede diaria de momentos dos que nos alimentamos para vivir.

domingo, 7 de agosto de 2011

¿Somos o que escribimos?

Ser ou non ser, esa é a cuestión. Preguntémonos, entón, que somos. Como seres humanos, temos unha serie de necesidades, preferencias, ansias; buscamos a felicidade para sentirnos ben con nós mesmos e, sen dúbida, esta maniféstase de diferentes maneiras dependendo de cada persoa. A diversidade é, por tanto, unha riqueza; se todos fosemos iguais, caeriamos na monotonía do aburrimento.

No noso caso, queridos lectores, a pregunta que nos realizamos non é que somos, senón algo aínda máis complexo á hora de analizar dita cuestión: ¿somos o que escribimos? Se de algo podemos estar seguros é da nosa existencia, como ben expresou no seu momento o coñecido francés Descartes; se existimos, pois, vivimos e, dado isto, pasamos por unha serie de etapas. Crecemos, evolucionamos, maduramos. E este ciclo interminable, que se repite unha e outra vez no mundo leva consigo unha serie de emocións, sentimentos e pensamentos.

Cando escribimos é inevitable que, polo menos inconscientemente, deixemos nas nosas historias unha marca das nosas propias experiencias vitais. Quizais non nos limitemos a facer unha biografía, pois isto levaría consigo a exposición da nosa vida tal cal a concibimos, pero si recorremos á creación de personaxes que, obligatoriamente, requiren unha personalidade que nós moldeamos ó noso gusto. Estes personaxes, á súa vez, senten, viven, crecen, evolucionan, maduran e morren ó longo da historia. E levan con eles unha parte de nós porque, tanto se queremos coma se non, os nosos sentimentos reflíctense a través das vivencias e emocións daqueles seres ós que lles damos vida.

A pregunta en cuestión, reiteremos, sería: ¿somos o que escribimos? No meu caso, responderíaa con outra pregunta: ¿como non selo se, ó escribir, plasmamos os nosos sentimentos a través de alguén alleo?

jueves, 23 de junio de 2011

Somos nós, costureiras da diversidade.

Somos tres mozas distintas unidas por un mesmo fío, o fío inigualable da carreira que estudamos: Humanidades. Somos tres estelas diversas nas augas do mar que viaxamos no barco da vida, cara o futuro, partindo do agarimoso presente. Somos, en definitiva, nós.

A particularidade da nosa designación como “costureiras” ten o seu aquel, interesante e doce, ademais de ser un termo que nos agrada e nos gusta ás tres. Somos costureiras, si, pero non nos centremos unicamente no sentido literal da palabra en cuestión; se ben tecemos, os fíos que nos guían son diversos.

Supoñamos que somos, como tantas outras persoas das que abarcan este mundo infinito, costureiras de soños inconclusos e de esperanzas vixentes nos vitalistas corazóns.

Gela é sen dúbida a tecedora das artes; xoga coas cores e coas ilusións, xoga coas palabras e coa representación de imaxes. Ela debuxa as costuras da vida e deseña as ansias de crer no futuro, na vivencia dun presente que nos traerá cousas novas. Costureira da esperanza, non permite as meixelas molladas nin os ollos tristes.

Ainara, por outra banda, encárgase das costuras do día a día, do corazón e dos remendos por amañar en días de sol ou de nubes. Firme, desliza as agullas enfiadas polos ocos correspondentes, sempre mirando cara adiante, sen deixarse atoar polas contradicións. Costureira da seguridade, da lóxica, segue adiante cos ollos brillantes.

E eu, Sandra, xogo coas palabras para facer costuras de historias, conclusas ou inconclusas, que van constituíndo o día a día. Pego brincos cando se remata o fío e é preciso tirar do novelo para extraer máis ideas. Costureira imaxinaria, enfráscome na diversidade de mundos para viaxar máis alá do presente, do pasado e do futuro.

Dende aquí e ata que chegue o triste momento da despedida, partimos no barco común do intercambio de ideas, soños e ilusións, máis alá de cafés, tardes, estudos, clases, desvaríos ou gustos. Compartímolo día a día, momentos bos e momentos non tan bos, para acadala madurez desfrutando da travesía.

Encantada de estar aquí, neste blog, tecendo as costuras da amizade ;)

viernes, 10 de junio de 2011

Humanidades é o Porto Presente



Benvidos e benvidas a Anaísa. Somos tres rapazas unidas por Humanidades; nesta facultade do Campus de Lugo comezou a nosa andaina xuntas. Compartimos clases, cafés, desvarios e o gusto pola Literatura ou a Historia. Somos distintas e polo tanto, compatibles; neste aspecto diferenciador intentaremos enriquecer o blog.


O porqué de Costureiras explicarao Sandra pois ten o seu aquel. Da nosa amizade naceu este blog e das nosas experiencias xuntas e por separado, naceran historias que contarvos. Eu son Gela inda que a miña primeira sílaba do nome é a que forma parte de Anaísa. Encántame o arte e sobre todo a arquitectura e a pintura; tamén a música é unha das miñas pasións e a partir do que compoño os meus relatos. A literatura galega sempre foi o meu punto fuerte en coñecemento e espero que no futuro próximo a Española e a Hispanoamericana enriquezan a miña visión.


Agora comezo sen máis demoras:






O día estaba nublado en pleno mes de Xulio; non me gustaba, a quen si? todos agardabamos pampos polo calor ou por unhas simples raiolas de luz. De súpeto pensei que o esperar me levaba ao futuro, é dicir, a nublalo momento presente.


Entón virei a miña face cara outro lado e decidín non acadar máis sentado a que escampara. O momento presente que continuaba nuboso e gris mireino con luz. Así cheguei a ver o que xa sabía: a luz sempre está aí, é cuestión de perspectiva como no arte, que eu quixera mirala.


Ao final escampou, coma sempre. Non hai día que non amencera pola mañanciña pero, ademais disfrutei o máximo do nublado, do non tan bo. Foi comfortable ver como a luz viña de dentro e non de fora como todos agardaban.


Que bonito se presenta sempre o presente: O aquí e agora. É sinxelo, pasaxeiro, real, vívido. A rosa do meu xardín onte non era máis que un capullo sen florecer, tan só espiñas; e mañá poida que se murche co sol ou coa falta de auga. Ai, pero hoxe! Hoxe é a flor que ulo pola mañá, que vexo chea de cor...é preciosa.


Por iso, Ainara! Sandra! J,enchantée de comezar este blog xunto vosa e..Aquí e Agora. :)