domingo, 7 de agosto de 2011

¿Somos o que escribimos?

Ser ou non ser, esa é a cuestión. Preguntémonos, entón, que somos. Como seres humanos, temos unha serie de necesidades, preferencias, ansias; buscamos a felicidade para sentirnos ben con nós mesmos e, sen dúbida, esta maniféstase de diferentes maneiras dependendo de cada persoa. A diversidade é, por tanto, unha riqueza; se todos fosemos iguais, caeriamos na monotonía do aburrimento.

No noso caso, queridos lectores, a pregunta que nos realizamos non é que somos, senón algo aínda máis complexo á hora de analizar dita cuestión: ¿somos o que escribimos? Se de algo podemos estar seguros é da nosa existencia, como ben expresou no seu momento o coñecido francés Descartes; se existimos, pois, vivimos e, dado isto, pasamos por unha serie de etapas. Crecemos, evolucionamos, maduramos. E este ciclo interminable, que se repite unha e outra vez no mundo leva consigo unha serie de emocións, sentimentos e pensamentos.

Cando escribimos é inevitable que, polo menos inconscientemente, deixemos nas nosas historias unha marca das nosas propias experiencias vitais. Quizais non nos limitemos a facer unha biografía, pois isto levaría consigo a exposición da nosa vida tal cal a concibimos, pero si recorremos á creación de personaxes que, obligatoriamente, requiren unha personalidade que nós moldeamos ó noso gusto. Estes personaxes, á súa vez, senten, viven, crecen, evolucionan, maduran e morren ó longo da historia. E levan con eles unha parte de nós porque, tanto se queremos coma se non, os nosos sentimentos reflíctense a través das vivencias e emocións daqueles seres ós que lles damos vida.

A pregunta en cuestión, reiteremos, sería: ¿somos o que escribimos? No meu caso, responderíaa con outra pregunta: ¿como non selo se, ó escribir, plasmamos os nosos sentimentos a través de alguén alleo?