jueves, 23 de junio de 2011

Somos nós, costureiras da diversidade.

Somos tres mozas distintas unidas por un mesmo fío, o fío inigualable da carreira que estudamos: Humanidades. Somos tres estelas diversas nas augas do mar que viaxamos no barco da vida, cara o futuro, partindo do agarimoso presente. Somos, en definitiva, nós.

A particularidade da nosa designación como “costureiras” ten o seu aquel, interesante e doce, ademais de ser un termo que nos agrada e nos gusta ás tres. Somos costureiras, si, pero non nos centremos unicamente no sentido literal da palabra en cuestión; se ben tecemos, os fíos que nos guían son diversos.

Supoñamos que somos, como tantas outras persoas das que abarcan este mundo infinito, costureiras de soños inconclusos e de esperanzas vixentes nos vitalistas corazóns.

Gela é sen dúbida a tecedora das artes; xoga coas cores e coas ilusións, xoga coas palabras e coa representación de imaxes. Ela debuxa as costuras da vida e deseña as ansias de crer no futuro, na vivencia dun presente que nos traerá cousas novas. Costureira da esperanza, non permite as meixelas molladas nin os ollos tristes.

Ainara, por outra banda, encárgase das costuras do día a día, do corazón e dos remendos por amañar en días de sol ou de nubes. Firme, desliza as agullas enfiadas polos ocos correspondentes, sempre mirando cara adiante, sen deixarse atoar polas contradicións. Costureira da seguridade, da lóxica, segue adiante cos ollos brillantes.

E eu, Sandra, xogo coas palabras para facer costuras de historias, conclusas ou inconclusas, que van constituíndo o día a día. Pego brincos cando se remata o fío e é preciso tirar do novelo para extraer máis ideas. Costureira imaxinaria, enfráscome na diversidade de mundos para viaxar máis alá do presente, do pasado e do futuro.

Dende aquí e ata que chegue o triste momento da despedida, partimos no barco común do intercambio de ideas, soños e ilusións, máis alá de cafés, tardes, estudos, clases, desvaríos ou gustos. Compartímolo día a día, momentos bos e momentos non tan bos, para acadala madurez desfrutando da travesía.

Encantada de estar aquí, neste blog, tecendo as costuras da amizade ;)

No hay comentarios:

Publicar un comentario